REUNIÓN ORDINARIA COMITÉ-EMPRESA
En Vigo, a 19 de xuño de 2013
A Empresa comeza a reunión dando os dados de absentismo, horas extraordinarias e volumes de produción do mes de maio de 2013 que son anexados ao acta.
SISTEMA 1
En xullo vanse facer 1278 v/dia, dos cales 695 son B9 e 583M3M4. No mesmo mes vanse traballar os sábados á mañá 6, 13, 20 e 27 de 9 horas; os domingos 7, 14, 21 e 28 de 8 horas e, finalmente, os sábados noite, tamén de 8 horas, os días 6, 13 e 20.
O horario de peche de PSA será ás 5:19h.
SISTEMA 2
O volume de xullo para este sistema vai ser de 456 v/dia, dos cales 76 son de B58 e 380 de B78.
Vaise traballar os sábados 6, 13 e 20 a 8 horas.
A seguir a Empresa fai unha presentación sobre unhas enquisas cubertas polos traballadores sobre condicións laborais, seguridade, etc.
A CIG solicita que fique reflectido en acta que a Empresa di que non vai a entregar as convocatorias enviadas por fax pola CIG á súa sección sindical en ADG.
A Empresa considera que é un tema de sindicato e non de Comité.
O Comité denuncia que se están a facer probas productivas na planta e non se está a informar da data e hora das mesmas, como consta nun requerimento da Inspección e noutro do AGA.
O Comité denuncia tamén que se trocan as gamas e aumentan a productividade das liñas ou postos sen informar ao Comité.
A Empresa manifesta a súa intención de analizalo e concretalo.
O delegado de prevención, Miguel Buján solicita que conste en acta que non se lle deixou entrar a unha formación de ergonomía.
A Empresa contesta que non procedía que este fose a esa reunión posto que non estaba convocado e estaba dirixida a team leaderes e supervisores.
O Comité denuncia tamén a inexistencia de responsábel de HSE na planta que valide as probas que se están a facer na actualidade.
A Empresa contesta que na actualidade están a traballar para substituír ao coordinador de HSE que abandonou a Empresa recentemente, e que existe actualmente unha figura externa que está a traballar como apoio.
A isto o Comité pregunta quen é o responsábel mentras non se elixe o novo coordinador de HSE.
A Empresa contesta que a responsábel é a Dirección.
O Comité solicita que se axuste a velocidade da liña 2 á velocidade que marca na pantalla porque hai unhas diferenzas de 2 a 3 segundos por asento e, tamén, que se marque onde comezan e rematan os postos da mesma liña.
A Empresa vaino estudar.
O Comité denuncia que levamos 1 mes sen crema hidratante o que está a producir problemas nas mans dos operarios. Así mesmo denuncia o mal mantemento das fontes de auga. Solicitan tamén un listado de postos de loxística xa que están aparecendo postos novos, outros desaparecen e non se sabe que postos hai, e tamén solicitan un listado dos horarios de carga e descarga de camións.
A Empresa contesta que intentará subsanar o problema da crema ao remate da reunión, e que tentará trocar as fontes por botellóns e de non ser posíbel ocuparase ela do mantemento.
O Comité pregunta pola incorporación de traballadores de COPO.
A Empresa di que están tentando que estes non se incorporen antes de setembro pero que ainda non poden comentar nada máis, pois están en negociacións.
O Comité denuncia o que está a acontecer cos ETT´s, o que consideran que cada vez é peor, xa que non se cumpren os horarios apalabrados, así como que non cobran todos os conceptos de noite, non cobran as horas polas que están contratadas senón polas traballadas, etc.
A Empresa contesta que está a seguir a lexislación en todo momento en canto a contratación de ETT´s.
O Comité pregunta se se ten médico.
A Empresa resposta que si, que hai un que vén 2 días e outro 3 días.
O Comité manifesta o seu malestar polo aumento de productividade na liña 1.
O Comité solicita que se revise a limpeza dos baños os domingos á noite, xa que non cumpren as condicións hixiénicas necesarias.