ACTA DE REUNIÓN ORDINARIA COMITÉ-EMPRESA
En Vigo, a 18 de marzo de 2014.
A Empresa anuncia as novas modificacións dentro da dirección de ADG presentando a Begoña Rodríguez coma responsábel da UAP-1, Óscar González como responsábel do Departamento Técnico e Pierre Cavat como FES Senior zona Iberia (España e Portugal).
A Empresa comunica que pese que á reunión de hoxe estaba prevista a presenza do Director da Mútua FREMAP de Vigo, este a última hora refusou asistir por imprevistos de última hora.
A Dirección convocará a unha nova reunión extraordinaria coa Mútua e servizo médico.
O Comité resposta que están de acordo en manter esa reunión o antes posíbel.
A Empresa dá os dados de absentismo, horas extras e volumes do mes de febreiro os cales son anexados ao acta.
Volumes de produción para o vindeiro mes de abril do SISTEMA 1:
Fabricaranse 1252 vehículos/día, dos cales 942 son B9 e 310 M3/M4.
O horario de peche da noite de PSA será ás 4:46h. Traballará 7 horas a quenda da noite o domingo 6 de abril de 2013.
Para o sistema 2:
Para a semana 14, 16 e 18 fabricaranse 640 vehículos/día.
Para as semanas 15 e 17 fabricaranse 530 vehículos/día.
Para este venres 21 de marzo de 2013 a Empresa anuncia que para a liña 2 haberá formación contra incendios e riscos específicos do posto de traballo, cuxo plan será entregado despois da reunión. Así mesmo anuncian que seguen traballando no protocolo sobre acoso e que o plan de mantemento será entregados próximamente.
Tras isto o Comité decide abandonar a reunión por parecerlle unha burla aos traballadores o acontecido hoxe aquí, no que todo o material pendente dende fai varios meses segue sen entregarse e onde o principal actor da reunión, pola relevancia do tema a tratar, o Director da Mútua FREMAP, non asiste, avisando ao inicio da reunión.
A Dirección quere manifestar que considera unha falta de respecto o feito de que abandonara a sala a representación dos traballadores e avoga por manter o diálogo estabelecido ata a data entre as dúas representacións.
REUNIÓN EXTRAORDINARIA COMITÉ-EMPRESA
En Vigo, a 20 de marzo de 2014
Comeza a reunión o Director da Mútua disculpándose pola inasistencia á reunión do día 18 de marzo por un malentendido.
A seguir o Comité expón a problemática actual con esta Mútua, a cal xa foi denunciada o ano anterior polos membros de seguridade e hixiene ante o mesmo Director. Esta problemática consta de mala atención aos traballadores desta fábrica, o non recoñecemento de enfermidades profesionais, as cales convértense sempre en problemas dexenarativos. Así mesmo denúnciase que a varios traballadores se lle negaron as follas de reclamación. Tamén se denuncia algún caso de atención por teléfono. Tamén alega o Comité as poucas continxencias profesionais que se dan mes a mes coa actividade que realizamos.
A Mútua di que de 193 traballadores atendidos o ano pasado a gran maioría tiveron a baixa, 80 en concreto. Insiste en que se a xente non está de acordo coas decisións médicas da mútua pode facer unha reclamación por continxencia.
O Comité segue insistindo en que a Mútua agocha as enfermedades profesionais.
A Mútua resposta que lle dá igual tratalo como unha enfermidade profesional ou como accidente de traballo.
O Comité denuncia tamén que aos traballadores que están de baixa por enfermidade común se lles molesta antes dos 16 días e por teléfono se lles di que a lexislación trocou e que teñen que ir obrigatoriamente, e todo para darlle cita para outro dia.
A Mútua resposta que é para preocuparse polos traballadores por se precisan adiantar citas, etc e que moitos traballadores agradéceno.
O Comité pregunta ao servizo médico se nesta planta se poden producir cervicalxias ou lumbalxias.
O servizo médico da Empresa recoñece que si é posíbel e comenta diversos casos en toda a planta no que se pode producir este tipo de enfermidades.
O Comité insiste na ocultación de enfermidades profesionais e advirte aos membros da Dirección da Mútua que ou toman medidas ou senón farano os traballadores.
O Comité denuncia que non hai unha lista de postos relacionado coas enfermidades profesionais.
O Director da Mútua manifesta que veu por vontade propia para escoitar e con intención de recoller propostas con carácter constructivo pero que non recibiu ningunha.
O Comité di que non quere aos dous doutores que por norma nos tratan.
O servizo médico pídelle a Mútua que lle entreguen informes aos traballadores sobre as súas doenzas, para que estes, se queren, llo entreguen a eles para mellorar a atención na planta.
O Comité pregúntalle o servizo médico se cre que polas doenzas tratadas tería que haber máis enfermidades profesionais.
O servizo médico resposta que si.
O Comité manifesta tamén que o problema dos traballadores non é co servizo médico da empresa, senón coa Mútua FREMAP que presta os servizos externos de saúde.
O Comité detecta deficiente cumprimento das función derivadas da súa condición de entidade colaboradora e emitirá informe á comisión paritaria do Convenio. Cumprido o proceso o Comité procederá ao rexeitamento da Mútua afectada, tal como marca o artigo 30b) do convenio colectivo.