WWW.ASIENTOS GALICIA CGT.TK

abril2014

 REUNIÓN EXTRAORDINARIA COMITÉ-EMPRESA

En Vigo, a 7 de abril de 2014
 
 
Orde do día:
-          Calendario 2014
-          Descansos da quenda da noite
A Empresa comeza a reunión explicando as modificacións previstas por PSA para os dous sistemas, que son as seguintes:
No Sistema 2 hai unha previsión de parar os venres 13, 20 e 27 de xuño e  os venres 5, 12 e 19 de setembro, ademáis as semanas: 19, 21, 35, 37, 39, a quenda da tarde traballará 4 horas e as semanas: 23 e 25, a quenda da tarde traballará 4,40 horas.
No Sistema 1, existe unha previsión de parar o 13 de xuño, traballar 3 sábados en xullo e 2 de en agosto.
A quenda da noite traballará as semanas:
-          SEM. 19/20/21/22: 4,05 horas
-          SEM. 23/24/25/26: 4,05 horas
-          SEM. 27/28/29/30: 7,03 horas
-          SEM. 34/35: 7,03 horas
-          SEM. 36/37/38/39: 5,17 horas
Por isto informan que van deter automáticamente os descansos de xeito cautelar.
O Comité pregunta que vai suceder nas semanas nas que a tarde vai traballar 4 horas ou 4,40 horas.
A Empresa resposta que o acordo habería que revisalo pero que, en principio, valería para estas semanas. Indican que con ese acordo só se levan consumido individualmente sobre 2,30 horas.
O Comité pregunta se os descansos do tempo parcial vai paralos a Empresa de xeito unilateral ou vai pactar co Comité como marca o Convenio.
A Empresa di que tiña pensado paralos a partir da semana que vén, a non ser casos especiais, pactando co Comité.
O Comité estudando a problemática dada co calendario do cliente está de acordo en parar os descansos a partires da semana que vén e atendendo a casos especiais que se estudarán individualmente.
A Empresa está de acordo co exposto polo Comité.
Sobre o calendario a Empresa fai unha exposición da súa proposta para o calendario 2014 colocando as vacacións dende o 28 de xullo ata o 14 de agosto, e do 27 de outubro ao 31 de outubro, e logo os 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro.
O Comité solicita un receso, despois do cal fai a seguinte proposta: aceptar a proposta da Empresa, sempre e cando, os 5 días de parada da liña 2 para os que non hai diferencial de xornada se solucionen dun xeito diferente a entrar en ERE.
A Empresa solicita un receso, despois do cal respostan á contraproposta do Comité e fan outra proposta: Facer dous calendarios, unha para cada liña. A liña 1 tería as vacacións segundo a proposta inicial e para a liña 2 propoñen coller os días soltos en xuño e setembro, deixando a semana de outubro para un factíbel flexibilidade pactada na negociación de Convenio ou ERE.
O Comité resposta que non lle vale a semana de outubro coma vacacións na liña 1, a non ser que se solucione a problemática do ERE dos cinco días para a liña 2.
Chegados a este punto as partes acordan pospoñer este tema para unha vindeira reunión.
 


REUNIÓN EXTRAORDINARIA COMITÉ-EMPRESA

En Vigo, a 14 de abril de 2014
 
 
Orde do día:
-          Calendario 2014
A Empresa rexeita a proposta feita polo Comité na anterior reunión posto que xa está asumindo 5 días de diferencial de xornada, manténdose, por tanto, na súa proposta para o calendario 2014 feita tamén o 7 de abril, que é a seguinte:
-          As vacacións disporíanse dende o 28 de xullo ata o 14 de agosto;  do 27 de outubro ao 31 de outubro, e logo os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro.
 
O Comité despois dun receso fai a seguinte proposta:
-          Sortear as vacacións para as dúas liñas entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, puidéndose trocar estes días polos días de parada de PSA.
Despois doutro receso a Empresa mantense na súa proposta, anteriormente explicada. Tamén propoñen facer dous calendarios diferenciados para a liña 1 e liña 2, mantendo para a liña 1 a semana 44 e propoñendo para a liña 2 e loxística asociada, 5 días a aplicar en días de parada de PSA, de xeito que chegados á semana 44, de existir medidas de flexibilidade negociadas en Convenio aplicar estas ou ERE, se non existisen.
 
O Comité está de acordo en que as vacacións vaian do 28 de xullo ata o 14 de agosto e logo nos días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro, e en desacordo nos 5 días sobrantes que a Empresa pretende colocar na semana 44. O Comité mantense na súa derradeira proposta porque a semana 44 está fixada por PSA como de adecuación de xornada e non está confirmado ao 100% que o grupo pare esa semana, polo que dáse por rematada a reunión sen acordo entre as partes.
A Empresa anexa ao calendario laboral establecido pola Empresa.
O Comité di, ao respecto da proposta da Empresa, que hai que desvincular o calendario laboral da negociación do Convenio, e lémbralle á mesma que hai un requerimento de Inspección de Traballo que explica que antes de consumar calquera día de ERE hai que consumir os días de diferencial de xornada, polo tanto, os 5 días que a Empresa di que está asumindo están incluidos dentro dese requerimento.
 

REUNIÓN ORDINARIA COMITÉ-EMPRESA

En Vigo, a 15 de abril de 2014
 
 
Comézase a reunión coa presentación por parte da Empresa dos dados de absentismo, horas extraordinarias e volumes de producción de ADG de marzo, os cales son anexados ao acta.
SISTEMA 1
Para o mes de maio non hai sábados nin domingos e PSA sae ás 2h.
Os volumes do cliente son: 1108 vehículos/día, dos cales son 888 B9 e 220 M3/M4.
A Empresa traballará, sempre e cando a JIT WINDOWS do cliente o permita, a N-1 para prolongar 40´ o horario de peche da quenda da noite de ADG, polo cal só se xerarán 1h 20´de horas negativas por día por parte dos traballadores de dita quenda. A Empresa engade que no caso dun risco de servizo ao cliente que non sexa asumíbel traballarase na configuración de N co horario de peche que proceda.
SISTEMA 2
En maio está previsto fabricar:
Nas semanas 19 e 21: 485 vehículos/día
Nas semanas 20 e 22: 640 vehículos/día
Nas semanas impares a Empresa pretende continuar utilizando o acordo do 5 de febreiro de 2014, se o mesmo se renova entre as dúas partes.
Está previsto que entre maio e setembro se precisen cubrir nas semanas 19, 21, 35, 37 e 39 as horas soltas, que serán sobre 5,5 horas e serán cubertas coas horas do diferencial de xornada segundo o acordo do 5 de febreiro de 2014, quedando un día de diferencial para cubrir o 13 de xuño.
O Comité está de acordo en prorrogar o acordo do 5 de febreiro para as semanas 19, 21, 35, 37 e 39. Ademáis este solicita que a Empresa convoque a comisión de seguemento de dito acordo para a entrega dos dados precisos sobre o mesmo.
A Empresa fará a convocatoria para dita comisión o luns da vindeira semana.
-          Permisos non retribuídos na IT de menos de 3 días
O Comité explica o que está acontecendo cando o médico da Seguridade Social non dá a baixa polos 3 primeiros días, para o cal non están obrigados. E por isto a Empresa está descontando por permisos non retribuídos e en troques terían que descontar como IT por menos de 3 días, para o cal descontaríase a base de cotización entre 30, e non como se vén facendo incluíndo a parte proporcional das fins de semana e das vacacións.
A Empresa di estar de acordo co cálculo do desconto da IT dos primeiros 3 días, se estes xustificantes de IT dos 3 primeiros días dados pola seguridade social son legais, cousa que vai consultar. Sobre este tema comprométese a dar resposta a vindeira semana.
-          Plan de mantemento
A Empresa di que vai entregar este plan na semana 23.
O Comité lémbralle a Empresa que se solicitou dito plan en xaneiro deste ano e denuncia que se introduciu unha Empresa externa para o mantemento da planta e non se sabe que funcións concretas ten a mesma . Así mesmo, denúnciase que segue sen entregarse o plan de coordinación en materia de seguridade con EULEN solicitado polo Comité de seguridade e hixiene e o Comité en reiteradas ocasións.
O Comité pregunta cantos empregados ten EULEN na planta e se teñen responsábel, así coma se teñen os cursos de prevención en riscos laborais.
A Empresa contesta que si teñen esa formación e que o colectivo está formado por un encargado e 5 traballadores, dos cales, un é coordinador.
O Comité reitera e fai constar en acta que o 20 de xaneiro de 2014 pide o plan de introducción de EULEN na planta e o 17 de febreiro solicita o plan de coordinación en materia de seguridade, e a día de hoxe segue sen ter ambos plans.
O Comité solicita a formación que teñen os traballadores de EULEN para entrar nos sistemas de apertura dos falsos camións, posto que están entrando na actualidade, coa maior brevidade posíbel, xa que supón un alto risco para os mesmos e é normativa de grupo que estean formados. Así mesmo solicita os TC-2 deste colectivo.
A Empresa contesta sobre a petición do comité de reunirse co responsábel HSE do grupo FAURECIA que esta persoa non está para tratar temas co Comité, e que calquera tema a tratar sobre saúde e prevención só se poden tratar coa Dirección desta planta.
O Comité solicita pois, reunirse co responsábel de HSE do Grupo FAURECIA que estea xusto por riba da Dirección desta planta.
 
-          Varios
O Comité denuncia que se trocaron tempos en traseiros da liña 1, en BAR concretamente, así  como que se están facendo probas no mesmo e que na liña 2 fixéronse modificacións de gamas sen avisar.
A Empresa explica que na liña 1 se están detallando os puntos de medida de tempos, reseñando que no caso do M3/M4 pode haber maiores diferencias porque a referencia deste modelo é de cando eran preseries. Tamén indican que só se están facendo auditorías e non probas.
O Comité contesta que en BAR non hai diferencias nos asentos e en cambio as diferenzas de tempos son bastante grandes.
A Empresa indica que vai consultar este tema e dará contestación á comisión de tempos.
O Comité insiste en que hai que seguir co proceso de comunicación e preaviso das diferentes actuacións e modificacións segundo o previsto no acordo do AGA sobre o tema.
O Comité denuncia que se lle deu como nova responsabilidade aos traballadores de loxística no exterior a de coller as chaves do camión, colocar stops, etc e todo elo sen que ninguén medira se lles dá tempo a facelo antes de aplicalo.
A Empresa di que como medida de seguridade a nivel grupo tomouse a decisión de que o camioneiro ten que entregar a chave ao carretilleiro, e sobre o resto convocarase ao responsábel de dito departamento para que o explique.
O Comité seguindo o convenio, en concreto, o artigo 30.b) quere comezar os pasos para trocar de MUTUA, para o cal solicitan convocar a comisión paritaria de seguemento de Convenio. Así mesmo solicitan tratar en dita comisión o tema do calendario laboral.
 


 
REUNIÓN EXTRAORDINARIA COMITÉ-EMPRESA

En Vigo, a 29 de abril de 2014
 
 
A Empresa comeza a reunión indicando as novas modificacións do calendario,  que son os seguintes días de parada para o cliente:
-          Para o sistema 1:  6, 9, 20, 27 e 30 de xuño
-          Para o sistema 2:  6, 9, 13, 20, 27 e 30 de xuño, e os 5, 12 e 19 de setembro
O Comité sinala que o primeiro que hai que colocar son os días de diferencial de xornada e pregunta se a Empresa, atendendo aos derradeiros cambios de calendario, se mantén na súa proposta de poñer a semana 44 de vacacións.
A Empresa mantense na súa proposta inicial, pero está disposta a chegar a un acordo que minimice o impacto destes días de parada, propoñendo o seguinte:
-          Para o sistema 1: 6, 9 e 20 de xuño de diferencial de xornada e 27 e 30 de xuño de vacacións, e os 3 días restantes de vacacións na semana 44 de outubro e todo elo sen compensación económica no caso de trocar o cliente o calendario. 
-          Para o sistema 2: 6 de xuño como diferencial de xornada e 9, 13, 20, 27 e 30 de xuño de vacacións, e como no caso anterior, sen compensación económica no caso de trocar PSA o calendario.
 
O Comité pregunta se esa semana 44 se pode trocar individualmente como ocorreu en anos anteriores.
 A Empresa resposta que de non haber acordo manterase a semana 44 de outubro como fixa e sen a posibilidade de trocala.
Despois do receso o Comité fai a seguinte proposta:
-          Sistema 1: 
1º) Aplicar o diferencial de xornada nos días: 6, 9 e 20 de xuño
2º)  Vacacións: 27 e 30 de xuño e os 27, 28 e 29 de outubro
-          Sistema 2:
 1º) Aplicar o diferencial de xornada o día 6 de xuño
2º)  Vacacións: 9, 13, 20, 27 e 30 de xuño
Despois doutro receso a Empresa aceptaría a proposta do Comité, tendo en conta que é a información da que dispoñen a día de hoxe, e se no futuro o cliente modifica o seu calendario, trocaranse os días estabelecidos como de vacacións sen ningunha compensación económica por elo.
A Empresa reitera que a semana de outubro (semana 44) é unha decisión estratéxica de PSA que afecta a todas as súas plantas industriais e, por tanto, ten unha maior fiabilidade, mentras que os días restantes son decisión da planta de Vigo suxeitos ás variabilidades do mercado.
A Empresa non está de acordo coa proposta do Comité, e o calendario de vacacións ficaría segundo a súa proposta inicial coa semana 44 de vacacións (se houbese modificacións na semana 44 compensaríase de acordo co estabelecido no Convenio).
O Comité pregunta que pasará cos días de parada de xuño, unha vez esgotado o diferencial de xornada.
A Empresa resposta que iríase ao ERTE.
 
UGT, CCOO e CGT INFORMAN

Vigo, a 17 de novembro de 2016

As seccións sindicais de UGT, CCOO e CGT queremos informar do acontecido na décimo-sétima reunión de Convenio celebrada onte, 16 de novembro, o cal facemos mediante esta octavilla onde retomamos os puntos da plataforma do Convenio que a seguir describimos:

Artigo 14.- Horarios de Traballo: Neste punto mantémonos no seu redactado para o horario de verán de oficiñas: “O periodo de realización de dito horario será do 15 de xuño ata o 30 de setembro”.

Artigo 15.- Horas extraordinarias: No que se pretende que a Empresa resposte con 48 horas por escrito á solicitude dos traballadores de disfrute das horas de descanso xeradas en horas extras.

Artigo 17.- Permisos retribuídos: A Empresa acepta este punto, ademáis dos xa aceptados anteriormente:

i) O tempo necesario para asistencia a consulta médica especialistas da Seguridade Social cando, coincidindo o horario de traballo co de consulta, se prescriba a visita médica polo médico/a de familia, debendo presentar o traballador/a o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos ata o límite de 22 horas por ano. Tamén polo tempo para acompañar a fillos/as menores ou familiares de primeiro grao que teñan recoñecida a condición de persoas dependentes pola Xunta de Galicia e cónxuxe embarazada para a realización das diferentes probas relacionadas co devandito estado, incluíndo estas horas na mesma bolsa de 22 horas.

Todos estes casos abranguirán, tamén, á SANIDADE PRIVADA.

Artigo 19.- Contratación temporal e a tempo parcial e Artigo 21.- Empresas de traballo temporal: Sobre este contrato, en principio, non hai acordo porque a Empresa quere que os traballadores a tempo parcial con distribución irregular da xornada de 1100 horas para a quenda do día veñan de luns a sábado, se é preciso, pero polo tipo de contrato pagaría ese hipotético sábado a prezo de hora ordinaria ou complementaria. Esta parte social entende que para poder chegar a un acordo, entre outras cousas, ademáis de limitar a contratación de Etts, tería que pagar un plus que compensase a diferenza entre o prezo de hora extraordinaria e o de hora ordinaria.

Artigo 32.- Maternidade: Este punto aínda está pendente de redacción.

Ademáis, na reunión a Empresa denegou a posibilidade de sentarse na mesa ao delegado da CUT como asesor externo por consideralo “asesor interno”, esta parte social lamenta esta decisión porque aporta o mesmo dentro que fóra.

Logo, o CSI-F conforme como son “novos actores” expoñen que: “se non se lles deixa coñecer toda a documentación e formular propostas nun tempo prudencial para podelas negociar, atoparémonos cunha xudicialización da negociación, que xa se produciu, e que retrasaría con elo a finalización da mesma con o sen acordo.” E a seguir presentaron a súa plataforma.

E, finalmente, a CIG manifesta que non vai ser asinante do Convenio, como anteriormente manifestou a CUT, pero que queren chegar a acordos en materia de saúde laboral e no resto de puntos da plataforma do Convenio.

UGT, CCOO e CGT entenden que o acordo de viabilidade xa está negociado e ratificado pola plantilla e, polo tanto, que é preciso negociar e ratificar en asemblea o articulado restante para rematar o Convenio.