Loading...

novembro2015


REUNIÓN EXTRAORDINARIA COMITÉ-EMPRESA

En Vigo, a 9 de novembro de 2015
 
 
Orde do día: Retirada dos reforzos de dianteiros do Sistema 1
A Empresa expresa a súa intención de retirar o reforzo de dianteiros do Sistema 1, despois de realizar unha forte inversión na mesma liña, a poder ser de mútuo acordo.
O Comité resposta que o reforzo é para a liña e a inversión só afecta a coxíns e non a respaldos. Por iso o Comité solicita , de novo, rotar por todos os postos do Sistema 1: respaldos, coxíns e basamentos, para que todos os operarios se beneficiaran da mellora ergonómica para, logo, poder avaliar a perda do reforzo.
A Empresa podería plantexarse que respaldos rotara por todos os postos de basamentos e lembra que en respaldos vanse facer máis melloras. A seguir recoñecen que a rotación por todos os postos sería boa pero ten unha dificultade técnica grande, polo que, preguntan se o Comité estaría de acordo en utilizar o reforzo para formar aos traballadores nos diferentes postos para implantar a rotación, aínda que matizan que esta proposta terían que estudala eles tamén.
O Comité solicita un receso e que se informe de cales son esas melloras ergonómicas para a liña de respaldos.
A Empresa resposta que, en grandes rasgos, serían:
-          Un útil que reduciría o esforzo da inserción dos tubos
-          Pedais neumáticos
-          Modificacións nas fundas
 
O Comité, despois do receso, maniféstase interesado en valorar unha proposta por parte da Empresa que vaia dirixida en rotar aos traballadores e traballadoras en todos os postos de dianteiros do Sistema 1, para o cal, solicitan unha proposta concreta por parte da Empresa, cun planing de formación, incluído, e acordando algún xeito de actuación para o caso no que a porcentaxe de continxencias por enfermidade profesional, nesta liña, se dispare nunha porcentaxe a concretar por ambas partes.
A Empresa vaino estudar e dará resposta o antes posíbel.


REUNIÓN ORDINARIA COMITÉ-EMPRESA

En Vigo, a 17 de novembro de 2015
 
 
 
A Empresa comeza a reunión dando os datos de absentismo, horas extraordinarias e volumes de produción do mes de outubro de 2015, información que é anexada ao acta.
 
Sistema 1
En decembro non é laborabel o 8 do mesmo mes e o derradeiro día de traballo é o 22.
Os volumes serán de 872 B9 e 245 M3/M4 e a hora de peche de PSA será ás 2h.
O Comité pregunta que día comeza este sistema a traballar en xaneiro.
A Empresa resposta que comezaría o día 6 de xaneiro a quenda de noite e o 7 a quenda do día.
Sistema 2
En decembro non haberá sábados e o derradeiro día de traballo será o 21, xa que o 22 será ERE. Voltaríase das vacacións o 7 de xaneiro.
Nas semanas 49 e 51 faranse 447 vehículos/día.
Nas semanas 50 e 52 faranse 568 vehículos/día.
 
Trocando de tema a Empresa anuncia que dende o día 10 de novembro hai un novo médico, Gerardo Trujillano. Así mesmo convocan ao Comité para unha reunión monográfica para falar dos postos de fabricación contra a cantidade de Etts, acordada noutra reunión, para o mércores 25 de novembro ás 12h.
A seguir a Empresa fai a seguinte proposta, segundo o falado na reunión extraordinaria do día 9 de novembro de 2015 sobre a rotación entre coxíns e respaldos:
Comezar a formación a semana que vén á vez en dereitos e esquerdos e nas diferentes quendas, alternando a formación entre respaldos e coxíns. O reforzo deixaría de ocupar un posto e ocuparía o posto do operario  que se estea a formar. A partires de que o persoal estea formado a rotación entre coxíns e respaldos sería semanal.
Despois deste derradeiro punto, que troca sustancialmente a idea inicial que tiña o Comité de rotar por todos os postos diariamente, iníciase unha ampla discusión sobre este punto, na que a Empresa adquire o compromiso dunha rotación diaria entre respaldos e coxíns, que remata coa petición dun receso por parte do Comité.
Despois do receso, o Comité expón que como a proposta da Empresa sobre a rotación troca sustancialmente o falado coa plantilla, vai falar, de novo, coa mesma para que eles a valoren.
A Empresa solicita un novo receso, despois do cal explican que non ven unha gran diferenza entre o modo de rotar que expón a Empresa e o Comité pero para a Empresa supón unha gran complicación técnica. De todos os xeitos, solicitan comezar a formación e, posteriormente, rotar inicialmente como di a Dirección e logo analizar a posibilidade de rotar como solicita o Comité.
O Comité levará aos afectados esta proposta e dará resposta coa maior brevidade posíbel.   

REUNIÓN EXTRAORDINARIA COMITÉ-EMPRESA

En Vigo, a 23 de novembro de 2015
 
 
 
Antes de dar comezo á reunión a Empresa comunica oficialmente que o 22 de decembro PSA non traballará polo que se impartirá formación para os traballadores de ADG. Manteranse os volumes de produción mensuais prolongando o horario da quenda da noite. Tamén anuncian que, por problemas de calendario, a reunión prevista para o 25 de novembro sobre os ETT  pasará ao 1 de decembro.
A seguir pásase a tratar o tema para o que foi convocada a reunión: Rotación entre coxíns e respaldos de dianteiros de Sistema 1.
Despois dunha ampla discusión ambas partes ACORDAN:
-          O Comité e Empresa, despois da implantación das melloras tecnolóxicas e ergonómicas no Sistema 1, aproban retirar o reforzo de dianteiros do Sistema 1 coa finalidade de que os operarios de ditas liñas roten entre coxíns e respaldos de xeito contínuo. Os pasos para implantar esta rotación serán:
-                         1º.- Formación dos traballadores de coxíns en respaldos e viceversa.
O reforzo utilizarase para substituír á persoa que se está a formar.
 O período de formación será de 80 horas e o persoal xa formado irá rotando semanalmente de liña.
Se por calquera circunstancia a formación se detivese o reforzo voltaría ao posto agora ocupado.
-                         2º.- Rotación diaria entre as dúas GAPS en coxíns e respaldos.
-          3º.- Rotación de xeito continuado entre todos os postos para a totalidade de operarios. Este paso darase cando ambas partes estimen oportuno.
-          Cando a enfermidade profesional, así como as paradas de liña, se incrementen de xeito notorio en dianteiros do Sistema 1 ou a calidade dos asentos baixe, tamén, de xeito notorio na mesma liña, ambas partes xuntaranse para analizar as causas e tomar as medidas pertinentes.
   


 

Parque tecnolóxico Beade-Valadares Rúa 3 Parcela 2, Vigo